formats

Nova Evanxelización V

Publicado en 19/06/2012 por en Noticias

Apertura á Beleza

Unha das liñas mestras da nova evanxelización apunta cara a beleza como resultado da expresión artística que nos conduce a Deus. Se nos paramos un intre e imos ao Dicionario veremos que a beleza é definida como propiedade das cousas que fai amalas, infundindo en nós deleite espiritual.  Sinalando ademais que esta propiedade existe na natureza e mais nas obras literarias e artísticas. 

E xa que temos o dicionario nas mans podemos mirar tamén a palabra “arte”, entre moitas outras cousas unha das acepcións que atopamos é a de Instrumento que sirve para pescar. Así, as dúas cousas ben cociñadas apuntan ao alimento do ser humano, e non só ao alimento senón sobre todo ao sabor.  

Xa un tal Xesús falara algo disto. Supoño que vostedes lembrarán aquilo de que somos o sal da terra. Que se nos volvemos insípidos para nada servimos e é mellor botarnos fora. Pois lonxe de asustarnos polo que, sen selo, semella ser unha ameaza – Deus non ameaza nunca – a Nova Evanxelización quere lembrarnos quén somos, nun contexto tan difuso como o actual.

O arte e os artistas de calquera xénero foron abrindo camiños ao longo da historia para levarnos ao Transcendente sabendo que as súas obras non eran máis que plasmación finita da beleza infinita. Botticelli, ese espírito magnífico do humanismo,  afirma de si mesmo: pasei toda a miña vida debuxando e pintando. As obras da miña man foron incluso louvadas polos homes do meu tempo, pero ningún, creo, comprendeu o meu gran tormento. A semellanza de aqueles que se adican ao arte, fun sumamente atraído pola beleza exterior das cousas e das criaturas, e ese amor ás apariencias fermosas separoume máis do que quería da contemplación das cousas e as persoas divinas. Pensaba que a verdadeira tarefa do artista consistía en revelar a quen o ven todo mal a beleza inestimable do mundo. Parecíame que así medraría non só a ledicia dos homes, senón tamén a gratitude cara aquel que creara tanta beleza.   

Beleza, arte, artista. Grazas a Deus!

 
 Share on Facebook Share on Twitter Share on Reddit Share on LinkedIn