formats

Nova Evanxelización III

Publicado en 05/06/2012 por en Noticias

Xuizos

 Ás 8:15h do 16 de xaneiro de 1918 Deus foi xulgado por un tribunal popular soviético. Por ausencia física do suposto criminal foi sentada no banco dos acusados unha Biblia. O delito: “crimes contra a humanidade”, a sentencia: “pena de morte”.

Pensarán moitos na estupidez do acontecemento exposto pero non é o único capítulo deste tipo que a historia da humanidade garda na su memoria. Non hai moito tempo, en 2007 sen ir máis lonxe, Deus foi novamente denunciado por un senador estadounidense. Neste caso a denuncia non foi admitida a trámite e Deus tivo a sorte de non saír imputado.

O contexto actual pode dar lugar a novos xuízos, e a ninguén lle deberan sorprender estrafalarias demandas que pretendan encadear ao Deus que libera ao ser humano. Vemos que pouco a pouco se pretende privatizar a Deus có fin de telo metidiño nas igrexas para que deixe de clamar pola fraternidade e de dicirnos que moralmente está mal que a xente morra de fame. O deus dos cartos que rixe a nosa sociedade atopou un forte rival no Deus de Xesús de Nazaret.

Por estas razóns que o capital impón; veñen dadas, coma nacidas de non se sabe moi ben onde, campañas agresivas e incluso bélicas contra a igrexa; pero a igrexa, tal e como Paulo di na súa carta aos romanos, non pode responder ao mal con mal, antes ben debe vencer ao mal facendo o ben. Como dixo o actual Papa antes de ser Papa, a igrexa nunca pode estar contra o mundo senón que debe responsabilizarse do mundo en tanto en canto se sabe representante da humanidade ante Deus.

Fuxindo de entrar en guerra, sen entrar ao trapo, debemos aprender daquel rei de Israel que enfundado en nobres proteccións de bronce non podía camiñar. A Nova Evanxelización nos convida a espirnos, a sacarnos de enriba o peso das pedras do templo para abrirnos ao aire novo que alenta o atrio dos xentís. Hoxe non estamos xa en tempo de colleitar senón de sementar. É necesaria unha comunidade de vida, con penas e alegrías, na que se lle conceda o posto central ao Deus vivo no que descubrir o misterio que cada un de nós é.

Deste xeito poderemos comprender por qué Deus non foi asasinado aquel mes de xaneiro. Os verdugos equivocáronse no seu obxectivo, o Deus vivo non estaba nas nubes senón sentado no banco dos acusados.

 
 Share on Facebook Share on Twitter Share on Reddit Share on LinkedIn