formats

Cena Solidaria

Publicado en 02/12/2012 por en Noticias

Foi unha noite con algúns chubascos, con bastante frío e cunha lúa grande e fermosa como o ambiente que se viviu na cea. Nunca pensamos que a resposta á nosa convocatoria fora a ser tan xenerosa, quedamos verdadeiramente abrumados e agradecidos.

 

Foi moito o que traballamos no Seminario nas últimas semanas para que todo saíra ben, para que a xente se sentira acollida na nosa casa que tamén é súa. Queriamos facer algo bo polos que o están a pasar mal e facelo con alegría nun ambiente distendido. Coido que o logramos.

A Eucaristía, presidida por D. Jesús  no día de S. Andrés, foi especial por moitas cousas pero sobre todo porque Cáritas se facía presente no Seminario no máis importante dos momentos.

Demos paso despois á cea. Unha cea cun menú sinxelo pero digno, servido con axilidade, e que deu oportunidade ao reencontro de uns, a coñecerse outros e sobre todo a sentirnos en familia. E cando estabamos có café comezou o “espectáculo”. Os seminaristas sorprenderon pola frescura, a sinxeleza e o humor que mostraron a quen non os coñecían de preto. Unha rifa extraordinaria, con moitos premios que agradecemos có corazón, pois foron todos doados por diversas persoas. O baile e a música coa que nos agasallou a “Agrupación folclórica Cantigas e Agarimos” tan xoven e agradable. A presentación oficial dese noso soño, desa nosa esperanza, dese proxecto que temos en Lima e ao cal lle demos en chamar, con ganas de superalo, “desafío Wawa Wasi”. O sorteo que tan ben acollido foi por todos e a alegría avergoñada coa que os premiados recollían o seu galardón…

  Agora só resta dar as grazas. Grazas a Deus por darnos este traballo; grazas a todas as persoas que nos acompañaron esta noite, a quenes nos quixeron acompañar dende a Fila 0 que cada día se facía máis numerosa, a todos os que doaron moito ou pouco do que tiñan, á Hospedería San Martín Pinario e aos seus camareros que, coma sempre, tan ben se portaron con nós  e tamén ao Señor Arcebispo que non quixo pasar por alto esta nosa iniciativa e tivo a amabilidade de vir. A todos e todas: Moitas Grazas!!!, verémonos de novo. 

David Álvarez

 
 Share on Facebook Share on Twitter Share on Reddit Share on LinkedIn