formats

A Nova Evanxelización II

Publicado en 25/04/2012 por en Noticias

Contan os sociólogos que na sociedade occidental existe unha gran sede de espiritualidade. A gran crise que estamos a vivir fainos ver que ese deus chamado euro, feitura de mans humanas, baixa tan rápido na bolsa como no seu día subiu nos nosos corazóns.

Contan tamén que o número de bautizados descende a pasos axigantados, e que o número de practicantes é cada vez máis reducido e de maior idade.

Pensan os sociólogos que a relixiosidade non está en crise, que a xente busca un novo deus ao que adorar. Pode que o próximo deus, o deus dos nosos fillos, sexan as novas tecnoloxías, ó mellor internet, quizais o acelerador de partículas, quen sabe?, algún robot  – becerro de ouro.

Hai tamén quen fai diagnósticos, e neles din que aquilo do que máis carece a Igrexa nas nosas latitudes, non son tanto crentes ou cartos senón, moi probablemente, a convicción de que no Evanxeo temos unha perla tan fermosa que non podemos gardala para nós mesmos.

Agora que xa cremos saber o que significa a palabra “Deus” e que pensamos coñecer a Biblia na súa totalidade. Agora que somos perfectos “cumpridores” coa liturxia da Igrexa e nos sentimos como peixes na auga cando estamos en oración. Agora que enchemos a boca coa palabra caridade e pensamos que sendo bos iremos ao ceo, mentres que os malos arderán no inferno eterno.

Agora que todos estamos equivocados é o momento no que na Igrexa non podemos seguir dando por suposto sen máis que as persoas saben xa qué significa ser cristián e cómo se configura a vida eclesial.

É o momento de baixar á terra e recoñecer as nosas carencias; de sabernos desbordados por ese Misterio ao que chamamos Deus. De sabernos pequeniños ante el e de sentirnos os máis fortes do universo se o sentimos preto.

Deus, Biblia, Evanxeo, Oración, Igrexa son palabras que temos gastadas de tanto usalas. Están en tantas bocas e tantos textos que esgotaron o seu sentido máis profundo. Deus nos perdoe e nos axude a volver ao amor primeiro. A esa experiencia na que a contradición nos sobresalta e nos deixa a peito descuberto ante tanta bondade, verdade e beleza.

Porque por moitos diagnósticos – na súa maioría acertados-   que os sociólogos aporten, hai unha realidade que dificilmente poderán reflectir en números e estatísticas. A realidade da Pascua, a realidade de que algo está pasando, non como treboada nin con espectaculares lóstregos, senón coma brisa serena que con apenas intuíla fai de nós seres plenos e cheos de vitalidade.

E remato parafraseando a Galeano, só que onde el di utopía eu digo “Misterio”:

Él estaba en el horizonte.
Me acerco dos pasos,
Él se aleja dos pasos.

Camino dos pasos y
el horizonte se corre
diez pasos más allá.

Por mucho que yo camine,
nunca lo alcanzaré.

¿Para qué sirve el Misterio?

Para eso sirve: para caminar.

David Álvarez

 Seminario Maior Compostelán

 
 Share on Facebook Share on Twitter Share on Reddit Share on LinkedIn