Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova. Nesta mensaxe que Xesús envía ao Bautista están, seguramente, as claves da fe cristián. Por unha banda atopamos o contido da Evanxelización, e pola outra, a dinámica da fe.
Para os nosos ollos o máis sorprendente está no poder curativo e milagreiro de Xesús. Nós non vemos estas milagres no noso entorno e o pesimismo no que estamos a vivir impide que alberguemos esperanza algunha . Así pois, descartadas as premisas, os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos, os xordos oen, os mortos resucitan… rexeitamos tamén a conclusión: aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova. E esta conclusión á que Xesús chega é o punto máis escandaloso para aqueles que o están escoitando. Os pobres e os enfermos nunca recibiran ata aquel momento boa nova algunha.
Pois a boa nova – evanxeo – era, para a sociedade do tempo de Xesús, o anuncio da visita do emperador divinizado ás terras conquistadas polos seus exércitos. Para tal ocasión todo tiña que estar perfecto, era necesario mostrar o esplendor dos novos territorios e polo tanto os pobres sobraban.
Agora a cousa cambia, non é o emperador que ven de visita, é Deus mesmo quen se fai presente ante o home situando ao ser humano no lugar que lle corresponde, isto é, ante o Deus Misterio que lle revela a súa dignidade e o vivifica en plenitude.
Este volver a Deus é o que pretende a Nova Evanxelización.
Non temos outro mundo máis que o noso, criticalo continuamente non nos axuda a avanzar. Debemos limpar o camiño que leva a Deus, aberto por Xesús,e que está tan cheo de silvas e xestas que non nos permiten nin intuír ao Deus vivo.
A nova evanxelización atópase fronte a novos desafíos que cuestionan prácticas xa consolidadas, que obrigan á Igrexa a interrogarse novamente sobre o sentido das súas accións de anuncio e de transmisión da fe. A nova evanxelización non é repetición da primeira, senón que busca a vivencia e a expresión da fe hoxe e para os nosos, pois como di o poeta, haber llevado el fuego un solo instante razón nos da de la esperanza.
David Álvarez
Seminario Maior Compostelán